DECALOGO DA PLATAFORMA DE OURENSE PARA AS VINDEIRAS ELECCIÓNS XERAIS DO 20 DE DECEMBRO

LOGO2 SOS.jpg Ourense

PROPOSTAS E RECOMENDACIÓNS DA PLATAFORMA POLA DEFENSA E MELLORA DA SANIDADE PÚBLICA DE OURENSE CARA AS VINDEIRAS ELECCIÓNS AS CORTES XERAIS DO ESTADO. DECEMBRO 2015.-

A Plataforma para a Defensa e Mellora da Sanidade Pública de Ourense ante a convocatoria de novas eleccións as Cortes Xerais do Estado, quere dirixirse aos distintos partidos e coalicións electorais que se van a presentar a estes comicios cunha serie de propostas no camiño de manter e mellorar a Sanidade Pública da provincia de Ourense.

Dende esta Plataforma, queremos aportar, como cidadáns preocupados pola situación da nosa Sanidade Pública, aqueles elementos que se poden incorporar ao debate electoral nos temas referidos a problemática sanitaria. A nosa intención é que os próximos representantes políticos que sexan elixidos polo electorado defendan nos seus programas sanitarios e na súa laboura parlamentaria aquelas medidas que garanten o mantemento dun sistema público de saúde universal e teñan o compromiso de traballar con rigor e transparencia nas solucións para os problemas do noso sistema de saúde.

Con estas premisas propoñemos as seguintes medidas:

1º) TEMPOS MÁXIMOS DE ESPERA PARA INTERVENCIÓNS E PROBAS COMPLEMENTARIAS.

Ainda que a día de hoxe existe unha lei que pretende garantir un máximo de espera de 60 días para intervencións cirúrxicas programadas, pensamos que que hai graves situacións no referido a primeiras consultas e exploracións complementarias. Aquí pensamos que os tempos máximos non deberán superar os 30 días para as solicitudes por vía normal e de 15 días para as denominadas preferentes. Prantexamos unha excepción naqueles pacientes que teñan un diagnóstico e tratamento “non demorable”, nestas situacións a atención non deberá sobrepasar unha semana.

Dende esta Plataforma, queremos engadir que non é suficiente con que haxa normativa e lexislación que ampare ao cidadán. De pouco vale poñer limites e garantías se despois o Sistema Sanitario Público se lle reducen os investimentos tanto en infraestruturas como en dotacións de persoal e polo tanto a única vía que queda para poder cumprir a Lei e derivando estes pacientes a institucións privadas. Non queremos unha Lei que está abrir a porta de atrás a un financiamento encuberto de empresas privadas.

As listas de espera deben ser totalmente transparentes e o cidadán ten que dispoñer de información puntual e directa sobre a súa situación na mesma e calquera cambio, aínda que sexa conxuntural, que nela se produzan. Entendemos, polo tanto que se debe rematar con esa diferenciación entre Listas Estruturais e Non Estruturais.

2º) ATENCIÓN SOCIO-SANITARIA.

Neste eido os recortes na Lei de Dependencia, teñen sido un gran factor de impacto na limitación dos pacientes e coidadores que poden acceder a estes recursos. Creouse unha lei, de gran importancia social, pero a falla dun acompañamento orzamentario axeitado fai que a día de hoxe a situación sexa moi preocupante e os avances na execución da mesma moi limitados.

Nas diferentes comarcas da provincia téñense instalado diferentes infraestruturas para a atención e coidados as persoas anciáns e dependentes. Ditos centros están nunha porcentaxe que ronda o 100% en mans de entidades privadas, sexan fundacións ou empresas especializadas nesta materia a rede pública é testimonial, quedando como responsable financiadora e de control destes dispositivos.
Hai outro aspecto, claramente insuficiente, neste terreo que é o relacionado coa atención as persoas con dependencias nos seus domicilios particulares.
Tamén entendemos que a atención a dependencia, tanto en residencias asistidas como nos domicilios dos pacientes, ten que ser unha atención integral tanto nas cuestións sociais como sanitarias. Para elo é fundamental que os recursos actuais do Sergas, dos Concellos e destas Institucións teñan unha real coordinación, tanto para prestar esa atención integral como para poder implementar medidas no terreo da prevención e tratamento precoz das súas patoloxías crónicas.
Hoxendía temos que lamentar como a escasa dotación de profesionais da saúde e do traballo social, así como un lento abordaxe do que debería ser a posta en marcha de políticas de atención a cronicidade, está a provocar un excesivo e moitas veces inútil pelegrinaxe, destes pacientes, polas diferentes consultas de urxencias de PACs e Hospitais e mesmo provocando ingresos hospitalarios que poderíanse ter evitado.
Neste punto vemos como urxente e prioritario a posta en marcha de programas de Atención Domiciliaria e de Coordinación cos Centros de Saúde de Atención Primaria.
Pensamos que neste sector é moi urxente mellorar os mecanismos de control e inspección por parte das Autoridades Sanitarias e de Servizos Sociais sobre o funcionamento e condicións dos diferentes dispositivos e centros de atención as persoas maiores e dependentes. A revisión de rateos de persoal, situación das persoas ingresadas, profesionais sanitarios que traballan nelas a tempo completo ou parcial, etc son medidas que poderían repercutir nunha diminución de consultas e ingresos nos dispositivos hospitalarios e centros de saúde así como na mellora das condicións de atención neses dispositivos.

3º) ATENCIÓN PRIMARIA.

A creación da figura da Xerencia Única, como pretensión de eliminar as diferenciacións entre os dous niveis de atención sanitaria (Primaria/Hospitalaria) e mellorar a súa coordinación , é un dos fracasos máis percibidos e sufridos polos profesionais da Atención Primaria e como efecto colateral tamén nos Hospitais.
A Atención Primaria, considerada como o piar e porta de entrada do sistema ten sufrido unha fonda marxinación e unha mingua moi importante nos seus investimentos. Se no Sistema Sanitario Público se ten sentido no seu conxunto o que teñen sido os recortes, na Atención Primaria, xa historicamente marxinada, está situación agravouse de xeito importante.
Estás medidas teñen provocado a aparición de listas de espera, redución na oferta de programas de saúde, mingua nas prantillas, estancamento nos dispositivos de urxencias ( PACs), etc coas conseguintes repercusións nos pacientes e usuarios.
Tense que rematar coas substitución de media xornada, cos peches de axendas, cos recortes nos efectivos profesionais, coa excesiva burocratización das consultas, etc.

A Atención Primaria ten que ter un orzamento axeitado ao que lle corresponde a este nivel de saúde e os profesionais seguen a precisar, entre outras moitas cousas, dun mínimo de 10 minutos por paciente o que implica unha axeitada e equilibrada distribución no número e tipo de pacientes en cada cupo de médico e enfermeira.
A posta en marcha do programa Conecta72, ten sido unha mellora na continuidade de coidados entre hospital e atención primaria, pero as presas e urxencias co que se implementou, ten provocado disfuncións e sobrecargas en moitos profesionais que deben ser corrixidas e revisadas.
Na Atención Primaria, outra das prioridades pasa por aumentar la súa capacidade resolutiva tanto na consulta habitual como nas urxencias, dotando os PAC cos recursos tecnolóxicos necesarios (radioloxía e analítica básicas), e a imprescindible coordinación co 061 e os servizos hospitalarios a través dunha maior utilización dos recursos informáticos e de telemedicina.

4º) ATENCIÓN HOSPITALARIA.

Os hospitais deben funcionar a pleno rendemento mañás e tardes. Un funcionamento que pivota fundamentalmente nas mañás, de luns a venres, e deixando só o funcionamento vespertino para urxencias e actividade complementaria puntual sen criterios de planificación e algo que se debería corrixir.
As “peonadas” deben substituíse por unha Atención Continuada. Non é entendible que tendo uns tempos de espera prolongados para consultas, probas diagnosticas e intervencións cirúrxicas o horario de atención se restrinxa as mañás e en moitos casos a media mañá.
No Hospital de Ourense levamos perdendo camas de xeito continuado, nos últimos cinco anos máis de 100. Situación que se amosa de xeito nidio e moi grave cando se dan incrementos na frecuentación no Servizo de Urxencias. É preciso dotar ao CHUO dun número de camas axeitado a unha realidade demográfica como ten a provincia cunha alta taxa de dependencia e cronicidade.
Curiosamente temos un Servizo de Urxencias con 59 camas, o servizo de urxencias de tódolos hospitais de España que máis camas dependen del.
Entendemos que na asignación de recursos, así como na modernización das estruturas do hospital deben primar o desenvolvemento de servizos como a Cirurxía Maior Ambulatoria, Consultas polivalentes de Alta Resolución, Hospitalización a Domicilio, con cobertura as 24 horas do día e ampliando a súa cobertura a tódalas comarcas e para elo este Servizo de Hospitalización a Domicilio ten que ter unha intima e importante coordinación coas Unidades de Atención Primaria e no caso dos doentes oncolóxicos e terminais coas Unidades de Paliativos.
Unha das prioridades de calquera sistema sanitario é mellorar e ter como eixo da súa atención o Humanismo e as situacións que se dan no Servizo de Urxencias do CHUO rozan a indignidade e a deshumanización. As diferentes reformas e cambios nas estruturas organizativas e de mando, postas en marcha pola actual Xerencia, nos últimos anos teñen amosado un total fracaso pois non van a raíz do problema e quédanse nunha maquillaxe.
Outra mención especial é a situación provocada co peche da atención a cirurxía pediátrica as 24 horas. Esta Plataforma reivindica a recuperación e axeitada dotación deste servizo para o Hospital de Ourense.
A posta en marcha en Ourense de unha Unidade de Hemodinámica e dunha Unidade de Radioterapia Oncolóxica que cubra de xeito integral as 24 horas do día as necesidades de los pacientes ourensáns sen necesidade de traslados a outras provincias.

5º) SAÚDE MENTAL

Se na Atención Primaria falabamos dunha clara marxinación e falla de orzamentos, a situación de precariedade en calquera tipo de dotacións, é unha constante no referido a Saúde Mental.
Resulta de moita urxencia o necesario incremento dos recursos humanas e materiais.
Precisase de máis persoal nos centros de saúde mental, máis camas de agudos que teñan un deseño espacial axeitado e adaptado a patoloxía, a habilitación de despachos e salas para terapia individual e grupal, de hospitais de día de atención a saúde mental, a potenciación dos servizos de HADO e rehabilitación, máis pisos protexidos, etc…
A coordinación cos dispositivos de atención a drogodependencia cos centros asistidos pediátricos e da dependencia ten que ser moito máis estreita e estable.
En Ourense fai falla a reposición de 3 psiquiatras e 1 psicólogo xubilados dende o 2009.
O Hospital de día do Santa Maria Nai está infradotado. Un psiquiatra , unha enfermeira e dúas auxiliares son claramente insuficientes para actividades programadas e polo número e tipo de pacientes.
O equipo de continuidade de coidados para pacientes con trastorno mental severo que atende a cidade e arredores ten unha nula cobertura de psiquiatras e psicólogos.
Na zona de Valdeorras non existe un equipo básico que faga esa continuidade asistencial.
Durante o verán suprimiuse a Unidade de Psicoxeriatría, eliminación gravisima nunha provincia como a nosa, das máis envellecidas de Europa, cunha gran dispersión xeográfica.
Outra situación a poñer en marcha sería a apertura de centros ou unidades terapeúticas para os pacientes que saen dos procesos de desintoxicación da Unidade de Agudos e que precisan continuar co apoio necesario no seu proceso de deshabituación. Na provincia de Ourense carecemos destas Unidades e noutras provincias hai listas de espera co cal moitos pacientes ven cortado o seu proceso de recuperación.
O Servizo de Atención Temperá de Pediatría, ten unha dotación de profesionais moi escasa, sen ese incremento resulta imposible potenciar a atención psicolóxica aos nenos e familiares.
Os dispositivos de Atención Sociosanitarios para rehabilitación de Saúde Mental que en Ourense xestionan entidades privadas, con prazas totalmente financiadas polos orzamentos públicos precisan dunha mellora no control por parte dos servizos de inspección da Administración Sanitaria.
Outro tanto se podería dicir das Residencias destinadas as persoas con Discapacidade Intelectual que funcionan na provincia.
Dende o ano 2009, Galicia carece dun Plan Estratéxico de Saúde Mental e Adiccións.

6º.-PRIVATIZACIÓNS

O CHUO, non foi alleo a tódolos recortes, medidas de contención do gasto e privatizacións que se deron no resto dos dispositivos sanitarios de Galicia e do Estado e onde tivo un reflexo moi importante foi no que se denominou Concurso para a Xestión Integral de Servizos que implicou a privatización de importantes dispositivos que son estratéxicos para o Hospital que pasan a estar controlados por empresas privadas.
Esta Xestión Integral de Servizos significa entre outras, moitas cousas, que 90 traballadores do actual servizo de mantemento pasen a ser xestionados por unha empresa privada, con claras repercusións na eficiencia e na eficacia da xestión dos múltiples e importantes problemas que se dan durante as 24 horas do día dentro do complexo hospitalario.
Temos que dicir, e así o avalan diferentes organizacións internacionais, que a privatización dos servizos públicos, non abarata custes. Hai abondosos exemplos internacionais que demostran claramente como esas medidas privatizadoras teñen interesantes beneficios para as empresas que os asumen pero rebaixan a calidade na atención e asistencia aos usuarios e tamén teñen repercusións moi negativas nas condicións de traballo dos profesionais sanitarios.

7º.-ATENCIÓN A CRONICIDADE

A Consellería de Sanidade ten dado algúns pasos no que se refire a posta en marcha dunha política sanitaria global de Atención a Cronicidade, pero neste terreo os avances son moi pequenos.
Un Plan de Atención a Cronicidade, que non leve aparellado un cronograma de implementación do mesmo e non vaia acompañado dunha memoria económica onde se vexan reflectidos os aspectos socio-sanitarios será un plan baldeiro.
Nunha provincia como Ourense este Plan de Atención a Cronicidade é de total importancia, non hai que repetir os xa coñecidos datos de demográficos, de dispersión e envellecemento que temos.

8º.-O PLAN DIRECTOR DO CHUO

Esta Plataforma xa ten avaliado e reclamado en múltiples ocasións que o Plan Director do CHUO acumula un grande atraso. Somos unha das provincias peor tratadas nas últimas lexislaturas no referido a investimento sanitario. Ourense vai acadar, esperemos, a mediados do 2016 unha infraestrutura que xa debería terse finalizado vai cinco anos.
Tense que garantir o finalizar que nesta lexislatura se acomete todo o que resta do Plan Director, non chega con rematar o edificio de hospitalización, quedan todo a fase de consultas externas, etc.

9º.-DEREITOS DOS TRABALLADORES E PRANTILLAS

Nas pasadas lexislaturas os dereitos e condicións dos traballadores sanitarios sufriron importantes depreciacións e recortes.
Nesta vindeira lexislatura teñen que recuperarse eses dereitos e a reposición de prazas vacantes.
Un sistema sanitario público de calidade non pode dar unhas prestacións de calidade se unha das súas partes fundamentais, que son os profesionais, non se lle respectan e repoñen as condicións tanto laborais como salariais.
Como Plataforma cidadán entendemos que isto tamén ten claras repercusións na mellora da calidade que precisan as persoas atendidas no sistema público de saúde.

10º.-RETIRADA DO Real Decreto-lei 16/2012.

Para esta Plataforma é fundamental a anulación deste decreto que provocou a desaparición da universalidade da atención sanitaria.
Un Decreto, que nos devolveu a tempos pretéritos, establecendo unha atención sanitaria para ricos e outra para pobres, introducindo os repagos, a exclusión de emigrantes e persoas sen traballo da atención sanitaria ten que ser anulado e volver a ter unha Sanidade Pública Universal con financiamento e provisión públicas.

Ourense Novembro do 2015.-

PLATAFORMA POLA DEFENSA E MELLORA DA SANIDADE PÚBLICA DE OURENSE

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Uncategorized. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s