SOS SANIDADE PÚBLICA DEBULLA NESTE INFORME AS MEDIDAS PRIVATIZADORAS DO SISTEMA SANITARIO PÚBLICO DOS GOVERBNOS DE FEIJOO/RAJOY

sos

A SANIDADE PÚBLICA GALEGA ESTÁ EN RISCO
INFORME DA PLATAFORMA SOS SANIDADE PÚBLICA

O Sistema Nacional de Saúde (SNS) do Estado español, antes da chegada ao goberno do Partido Popular (PP) liderado por Mariano Rajoy gozaba de gran prestixio a nivel internacional pola súa elevada eficiencia cun gasto relativamente baixo (inferior á media dos países desenvolvidos da OCDE (figura 1) e con bos resultados en saúde (táboa 1); polo seu carácter universal e equitativo, dado que toda á poboación tiña dereito á asistencia sanitaria si acreditaba ter a súa residencia no Estado Español; pola súa natureza redistributiva ao financiarse con impostos directos (pagaba máis quen máis tiña e utilizaba o sistema quen máis o necesitaba por estar enfermo); pola accesibilidade para os pacientes ao non existir barreiras económicas para acceder á asistencia, ao ser gratuíta no momento de utilizar o sistema e os seus servizos (sen copagos salvo un 40% como máximo dos medicamentos para os que non fosen pensionistas); pola integralidade, cunha atención que incluía promoción, prevención, curación e rehabilitación da saúde e a saúde pública, para o cal hospitais e centros de saúde coordinan a súa actuación para garantir unha atención ao longo de toda a vida da persoa, en calquera tipo de demanda como urxencias, consulta de atención primaria ou especializada; este sistema estaba baseado nunha potente Atención Primaria como porta de entrada e responsable de garantir a promoción de saúde, a lonxitudinalidade e continuidade da atención e a distribución racional dos pacientes no sistema.

Figura 1 Gasto sanitario público e privado nos países desenvolvidos (OCDE)
figura 1
Fuente: OCDE 2014

taboa1

Os actuais gobernantes, desde o poder na Xunta de Galicia, están empeñados en desmantelar o SNS e cambiar a natureza deste sistema en Galicia, cunha estratexia baseada nas seguintes actuacións:

1.- Descapitalización: Recorte do gasto sanitario público
Pese ao baixo financiamento da sanidade pública, que pon en risco a sustentabilidade do sistema e a calidade da atención, o goberno de Feijóo aproveita a escusa da crise para diminuír o gasto sanitario público con recortes e copagos, mentres incrementa o gasto destinado a en financiar ao sector privado.

figura 2

figura 3

O descenso do orzamento sanitario en Galicia entre 2009 e 2014 foi do 12,3%, superior ao do resto de comunidades autónomas (CCAA) que descendeu nun 10%, o que supuxo un recorte de 460 millóns (o custo de construír con financiamento público o novo hospital de Vigo con 1.400 camas)

figura 4

figura 5

O gasto de persoal descendeu un 6%, un recorte 20% superior ao do resto de CCAA.

figura 6

O recorte do gasto de persoal supuxo unha diminución de 2.094 de traballadores sanitarios (un 6% do persoal), ocupando o 5º das CCAA en reducción de persoal.

figura 7

O recorte en camas en Galicia foi do 5% en apenas dous anos, o 3º máis intenso do Estado. Entre o ano 2010 e o 2012 pecharon definitivamente 275 camas, ao que habería que engadir as camas que pecharon nos meses de verán (xuño a outubro) que ascenderon este ano a 1.085
O orzamento en privatización en 2014 supón 1.624 millóns de euros (48,8% do total): 1.335 en farmacia e material sanitario e 289 millóns para concertos e empresas públicas de xestión privada. Os gasto en persoal son 1.466 millóns, un 44,1% do total (14% menos que en 2010), así que unicamente queda un 7,1 % do orzamento para todo o demais (investimentos e funcionamento dos centros públicos)

figura 8

O gasto de funcionamento dos centros públicos é inferior ao dos concertos coa privada. Si se suma o gasto en farmacia, material sanitario e concertos co sector privado quédanse co 48,9% do orzamento sanitario de Galicia. Como parece imposible reducir máis o gasto corrente para o funcionamento dos centros sanitarios públicos sen poñer en risco a atención dos enfermos, é previsible que o avance da privatización vaia acompañado dunha drástica redución do persoal sanitario. Pese á propaganda do SERGAS sobre o éxito do seu plan de promoción de medicamentos xenéricos estes supoñen apenas o 11% do total (o último lugar das CCAA) e a metade da media do Estado (21,5%). Galicia está así á cabeza en gasto farmacéutico por habitante con 257 euros ao ano, moi por encima dos 212 da media estatal.

2.- Privatización (externalización dos servizos) e desmantelamento do sistema sanitario público
Desmantelaron e cederon a multinacionais e fondos de investimento os servizos de planificación e xestión estratéxica da Consellería de Sanidade e do Serga):

– Historia clínica e receita electrónica: Adxudicada a Indra, empresa pública privatizada por Aznar e Rodrigo Rato. Posteriormente Rato (Bankia) pasa a ser o seu principal accionista. A información é a base do poder, polo que esta cesión permitirá a estas empresas privadas deseñar as súas estratexias para apoderase de sistema ao proporcionarlles a información necesaria para identificar os puntos fortes e as debilidades do sistema, os comportamento dos profesionais e as demandas e expectativas da poboación. Mentres os centros privados concertados, as mutuas de accidentes e aseguradoras teñen acceso á historia clínica dos centros públicos, os profesionais do sistema público non teñen acceso aos privados e nin sequera poden explotar a información que xeran. O afán de ocultamente levou ao Sergas a deixar de publicar a información sobre os recursos e actividades do Sergas e dos centros sanitarios (Memorias Anuais)

– O Sistema de Citas -Call Center- (unha das principais portas de entrada dos pacientes ao sistema e ferramenta para distribuír os pacientes por centros e servizos) e o Teléfono de información, que dispón de todos os datos relevantes da poboación galega (sanitarios, fiscais, afectivo-sexuais), foron cedidos a un fondo de investimento chamado “Netaccede” e á consultora Ernst Young polo goberno de Núñez Feijóo

– Telecomunicacións do Sergas: Adxudicada por 3 anos e 28 millóns de euros a Telefónica, privatizada por Aznar. Esta empresa fichou recentemente a altos dirixentes do PP.

– Loxística do sistema: Adxudicada a Severiano Servizo Móbil, empresa que custodiaba as Historias Clínicas do CHOP cando se queimaron. Esta actividade realizábana 200 traballadores do Sergas que han ter que recolocarse. O Sergas pagará a Severiano 88 millóns de euros por esta actividade que viña realizando cos seus propios recursos, o que supón unha curiosa forma de aforro.

– Mantemento dos equipos sanitarios: Adxudicada a Ibérica de Mantemento SA para unha actividade que realizaba o persoal do Sergas, que tamén debe ser recolocado mantendo, lóxicamente, o seu salario.

– Limpeza e enerxía: Adxudicada ao Grupo Norte, vinculado á inmobiliaria en creba Martinsa-Fadesa (cunha débeda tal que foi unha das causas principais do crack de Nova Galicia Banco), Ferrovial (imputada no caso Palau) e Clece/ACS, vinculada a Indra, empresa moi beneficiada polo goberno de Núñez Feijóo ao ser o seu filial Vías e Construcións a principal adxudicataria do goberno galego en 2012.

– Servizo de Catering dos hospitais: Adxudicada a Mediterranea-Arturo, do fondo de investimento Portobello (Santander, BBVA, CAM/Sabadell, Bankia) e de Arturo Fernández, vicepresidente da CEOE, imputado no caso Bankia e acusado de defraudar a facenda e pagar aos seus traballadores con diñeiro negro.

– Adquisición da compra de equipamento tecnolóxico: Por un montante inicial de 88 millóns de euros mediante unha nova figura legal chamada “socio tecnolóxico” no que as mesmas empresas que fabrican os equipos (General Electric, Siemens e Philips) serán as que decidan que equipos comprar e en que hospitais, públicos ou privados, van instalarse. Esta privatización supoñerá unha grave perda para a Sanidade Pública e para os seus profesionais e un grave prexuízo para os pacientes, dado que a xestión mercantilista da alta tecnoloxía está detrás do incremento do gasto sanitario, da utilización inadecuada e da radiación innecesaria dos pacientes como demostra que Galaria faga o dobre de Resonancias Magnéticas que o Hospital de Coruña para un área similar ou que as CCAA con máis RM de xestión privada teñan unha taxa de exploracións un 75% superior á media das restantes CCAA.

– Servizos de Protección Radiolóxica: Mantense en mans de Galaria (empresa pública de xestión privada) e da empresa Xeral Electric.

– Servizo de esterilización do instrumental: Externalizado por 160 millóns cunha duración incrible de 12 anos. Tamén deberán recolocar a outros 167 traballadores do sistema público, mantendo os seus salarios mentres quedan sen labor a realizar a pesar da súa alta cualificación. A xestión mercantilista desta delicada actividade (necesaria para evitar infeccións) pode supoñer graves riscos para a saúde

– Osixenoterapia: Mantense en mans privadas (Oximesa Praxair) por 10 millóns de euros ao ano, malia defraudar a Facenda 146 millóns, segundo recoñeceu a propia empresa.

– Servizo de ambulancias: Adxudicada por 236 millóns de euros por 4 anos á UTE Ambulevante, empresa levantina denunciada pola súa vinculación co PP de Fabra. Anteriormente, e para abaratar os gastos o Sergas suprimiu 5 puntos de ambulancias, incluída unha UCI móbil en Vigo (co conseguinte incremento de riscos para a poboación)

– Servizos de hemodiálise: O Sergas deriva a centros privados aos pacientes que o precisan por un total 25,5 millóns, malia dispoñer de 14 centros hospitalarios públicos con capacidade de realizala.

– Centro Oncolóxico de Galicia (COG): Este centro de xestión privada (presidido por un empresario vinculado á multinacional francesa do aluminio Pechiney) ten acceso ao Rexistro do Cancro de toda a poboación galega e xestiona ensaios clínicos en pacientes galegos para probar novos medicamentos para a industria farmacéutica que esta comercializará posteriormente con grandes beneficios económicos polos seus elevados prezos como se viu recentemente.

– Investigación e desenvolvemento e innovación (I+D+I) e formación do persoal:

Pese aos recortes de recursos en atención á cidadanía, a imposición de copagos a enfermos crónicos e pensionistas ou a precarización das condicións laborais dos traballadores sanitarios, a sanidade pública financiará a investigación da industria tecnolóxica privada e dos laboratorios multinacionais, para que desenvolva aparataxe máis ou menos innovador. Pretenden garantir ás multinacionais a compra dos seus fármacos ou aparellos, mesmo antes de que estean desenvolvidos, permitindo ademais que estas empresas decidan as características e o volume dos aparellos a adquirir polo sistema sanitario público (mediante a figura do socio tecnolóxico).
– Institutos Biomédicos de Investigación del SERGAS: Financiados polo Sergas con 7,6 millóns de euros en 2014, coa participación da industria farmacéutica. O Instituto Biomédico de Vigo está coxestionado pola multinacional farmacéutica Janssen (Johnson& Johnson), e o Instituto Biomédico de Santiago participa no Campus Vida, mediante un convenio entre a Universidade, o Sergas, a Banca e a industria sanitaria privada. . A través destes institutos, acollidos á fórmula de colaboración público privada (CPP), e por moi pouco diñeiro, a industria controlará a investigación e a docencia de saúde e freará calquera investigación que non estea de acordo cos seus intereses.
– Compra Pública Innovadora: O Sergas asignou 47,6 millóns de euros a 23 proxectos de Innova Saúde e Hospital 2050; 15 destes proxectos realizaranse mediante a modalidade de compra pública innovadora, por un importe de 17,3 millóns de euros. A compra pública innovadora pretende impulsar a innovación financiando a investigación empresarial e a compra dos bens e servizos resultantes. Con todo o sistema público non se reserva os resultados deste I+D, é dicir non se queda cos beneficios, malia correr cos riscos da mesma (cos seus fracasos). Esta xenerosidade coa industria tecnolóxica supón que o sistema público renuncia á investigación en beneficio do sector privado que a realizará con fondos públicos, utilizando para iso os hospitais, centros de saúde, os traballadores sanitarios e os propios enfermos para os seus experimentos.

– Privatización do Laboratorio Central de Galicia: Asignado ao laboratorio privado CERBA Internacional cuxo presidente é o propietario dos laboratorios Unilab do Fondo de Investimento multinacional CVC-Capio asociada á aseguradora privada norteamericana Centene (propietarios tamén do Laboratorio Central de Madrid). Este laboratorio privado realizará máis de 600 probas, que facían ata agora os laboratorios dos hospitais públicos e que, como consecuencia, van ser pechados progresivamente. Os hospitais públicos quedan sen os actuais servizos de laboratorio que serán substituídos por micro-laboratorios para atender as urxencias máis básicas. Isto supoñerá unha descapitalización destes centros que perderán persoal, capacidade diagnóstica, os clínicos non poderán traballar cos especialistas de laboratorio, e moitas actividades que esixen a presenza do analista como trasplantes de médula ou investigacións non poderán desenvolverse nos hospitais públicos e quedarán en mans do laboratorio Central Privado xestionado por Fondos de Investimento Internacional que obterán así unha información impagable para desenvolver liñas de investigación e buscar nichos de negocio con diñeiro público.

– Privatización da construción e xestión do novo hospital de Vigo (NHV): O goberno de Núñez Feijóo modificou o proxecto de construción pública do gran Hospital Único e Público para Vigo (de 1400 camas e que ía ser referencia para múltiples especialidades), para cambialo pola fórmula de Financiamento Público Privada CPP ou PFI. Deste xeito as empresas concesionarias financian, constrúen e xestionan os servizos non asistenciais do centro durante os 20 anos da concesión, creando unha gran dificultade para xestionar o hospital onde coexistirán dúas xerencias, unha pública e outra privada, con intereses moitas veces contraditorios. Este proxecto de financiamento privado ademais de máis caro ha ir asociado a unha redución dos servizos previstos inicialmente para facelo menos custoso á concesionaria privada. A través dunha consultora privada PWC (cuxo informe custou 220.000 euros de diñeiro público e que está desaparecido) adxudicouse o proxecto a unha Union Temporal de Empresas (UTE) financiada pola Caixa de aforros do Mediterráneo (CAM) e Bankia, que un ano despois entraron en creba paralizándose a obra por falta de liquidez. Tres anos despois o presidente Feijóo, actuando coma se fose un directivo da concesionaria privada, consegue 140 millóns de euros do Banco Europeo de Investimentos e 30 millóns do ICO. Os outros 110 millóns proveñen da banca privada (NGB e Caixabank, rescatados con fondos públicos), e do BBVA e Santander (tamén beneficiadas polo goberno). É dicir o NHV será financiado case na súa totalidade, directa ou indirectamente, con diñeiro público, aínda que a Xunta seguirá pagando á UTE un canon de 73 millóns de euros durante 20 anos. Este canon de 73 millóns a pagar á Concesionaria pola construción e xestión do novo hospital; máis os 25 millóns a pagar a Galaria S.A polos servizos que presta actualmente e que deberían ser absorbidos por este centro; e os 73 millóns da renovación do Concerto Singular con Povisa (cuxas camas e actividade estaba previsto incorporar ao CHUVI) suman un total de 173 millóns anuais. Este diñeiro sería suficiente para financiar a construción do novo hospital de Vigo público e o seu funcionamento durante moitos anos (o gasto en funcionamento do CHUVI actual é de 107millóns). Malia que o custo final será de 3.460 millóns de euros (multiplica por 10 o custo do NHV) a poboación do Área Sur non dispoñerá dun hospital público estratéxico que perderá os servizos de referencia previstos no proxecto inicial: Maxilo-facial, Queimados, Hemodinamia; e as Cirurxías Torácica, Cardíaca e Infantil, e a xestión das novas tecnoloxías. O novo hospital perde 400 camas, quirófanos, boxes de exploración e 70.000 metros cadrados de superficie, e desaparecen os módulos de Docencia, Investigación e Hotel de Pacientes, e recortáronse a calidade dos materiais, vías de acceso, etc.

– Renovación do Concerto Singular con hospital Povisa (do Grupo Nosa Terra) por dez anos máis ampliables cada dous anos: Malia as recomendacións do Valedor do Pobo e do Consello de Contas que se pronunciaron en contra, este centro privado recibirá 540 euros por habitantes que non inclúen o diñeiro que recibirá polos servizos de referencia (Maxilofacial, Queimados e Cirurxía da Man). Povisa tampouco atende a pacientes desprazados e carece doutros servizos son asumidos polo CHUVI como son Ciruxía Torácica, Psiquiatría, Obstetricia, Tuberculoses e outras patoloxías respiratorias, Coidados Paliativos e a Hospitalización a Domicilio dos pacientes do Morrazo. A renovación do concerto pódese cualificar de temeraria por incumprir os prazos establecidos pola Lei Garantías de 60 días para ciruxía, dado que a lista a lista de espera cirúrxica de Povisa é de 180 días). Con todo, este centro ten unha elevada taxa de actividade cirúrxica, con 109 intervencións cirúrxicas por mil habitantes -que é un 58% superior á media do Sergas- e de consultas, que son un 31% superiores á do SERGAS (pese a non ofertar Obstetricia nin Psiquiatría que son o 15% do total das consultas hospitalarias en Galicia). Unha posible explicación é que compatibilice a atención dos pacientes do Sergas cos da súa parte privada, utilizando o mesmo persoal sanitario. A falta de información e a ausencia de transparencia do Concerto impide coñecer os resultados desagregados das distintas memorias asistenciais e económicas, polo que non se pode descartar que o financiamento público que recibe esta empresa non se use só en financiar a atención dos pacientes do Sergas.

– Mantemento da Empresa Pública de Xestión Privada Galaria: Catro anos despois do anuncio por parte da Consellería de sanidade da plena integración no CHUVI das Especialidades Clínicas e da Resonancia Magnética de Galaria, a empresa de xestión privada segue realizando estes servizos. É inexplicable o apoio a unha empresa ineficiente, que freou o desenvolvemento do CHUVI e privou aos seus profesionais de tecnoloxías esenciais para unha asistencia integrada e racional: A demora para unha RM triplicouse nos últimos 12 meses e o tempo de espera en Vigo para esta proba é actualmente o máis alto de toda Galicia; as exploracións de RM son exaxeradamente caras (unha RM básica costa 987 euros fronte a 200 euros nos hospitais públicos do Sergas) (entre 100 e 250 euros noutros hospitais públicos de España); malia que en Galicia se realizan un 40% máis de RM que a media estatal, en Galaria realizan o dobre de RM que no Complexo Hospitalario da Coruña, que ten unha poboación similar (si fixeran as mesmas RM que na Coruña o Sergas aforraría mais de 14 millóns de euros anuais). Por todo iso non existe ningunha xustificación para manter esta empresa de xestión privada que ten secuestrada a tecnoloxía que debería xestionar o novo nospital de Vigo, incluíndo a radioterapia e os servizos de Hemodinamia e Cirurxía Cardíaca.

– Complexo Hospitalario de Lugo: Pese a que miles de lucenses se ven obrigados a percorrer grandes distancias -para realizar cateterismos, radiarse ou para ser diagnosticados dun cancro noutros hospitais de Galicia-, dado que o novo hospital carece dos Servizos de Hemodinámica 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear necesarios para tratar pacientes con cardiopatías ou cancro. Aínda que o Goberno aceptou a proposta dunha Inciativa Popular impulsada por numerosas organizacións veciñais, sociais e sindicais apoiadas por 41.000 firmas que reclamaban a posta en marcha nun tempo razoable destes servizos, isto non se vai levar finalmente a cabo o que supón unha burla e unha discriminación intolerable da poboación desta provincia.

– Complexo Hospitalario de Ourense: O Plan Directorio para ampliar servizos necesarios e mellorar as instalacións deterioradas polo tempo está paralizado, polo interese da Xunta de facelo recorrendo ao financiamento privado A fase final do Plan Director do Complexo Hospitalario, foi dilatado ao abandonarse os proxectos anteriores que estaban en marcha, para realizalo polo modelo público/privado(PFI). O concurso de servizos convocado para financiar a construción resultou un fracaso, dado que non se presentou ningunha empresa privada, polo que os 45 millóns de euros dos Fondos Europeos, que non teñen carácter finalista, poden ir financiar outros centros sanitarios. Doutra banda o peche do Hospital Psiquiátrico de Toén, a desaparición de camas do Hospital de Piñor, o estancamento das obras de varios Centros de Saúde, e a cesión a unha entidade privada os terreos de Toén configuran unha situación de deterioro sanitario inaceptable en Ourense.

– Complexo Hospitalario de Pontevedra: A presión dalgúns construtores afins ao Partido Popular conseguiu paralizar hai máis de catro anos o proxecto de creación de Hospital Único de Pontevedra que unificaba nos terreos próximos ao Hospital Montecelo (completamente renovado grazas a un investimento de 75 millóns de euros), todos os servizos hospitalarios da área, acabando co fraccionamento da atención en dous centros separados por quilómetros, situación que xera disfuncionalidade na atención, gastos innecesarios en traslados en ambulancia, duplicidade nos servizos centrais, gardas innecesarias e sobre todo incomodidade e riscos para os pacientes. O custo previsto desta obra, 90 millóns de euros, era asumible mesmo na actual crise e e foi asignado á Sociedade Pública de Investimentos, pola Xunta de Galicia en 2009. Este proxecto foi paralizado por Núñez Feijoo nada máis chegar ao poder, e substituído por un proxecto de construción dun Novo Hospital de financiamento privado (PFI como en Vigo e Ourense), cun custe final entre 700 e 1.000 millóns de euros, algo imposible de abordar cos actuais recortes orzamentarios da Xunta. Despois de máis de quince anos de loita social e profesional, Pontevedra seguirá sufrindo unha situación inaceptable de insuficiencia de recursos e de disfuncionalidade na atención Hospitalaria.

3.- Abandono e marxinación da Atención Primaria

Reduciron os recursos de Atención Primaria, mentres medran os dos hospitais; o orzamento en Atención Hospitalaria aumentou 5,3 millóns de euros e a súa participación no orzamento sanitario paso do 58,1% ao 61,4%; o de Atención Primaria reduciuse en 190,9 millóns de euros (se incluímos o gasto farmacéutico extrahospitalario), e en 33 millóns (sen a farmacia) descendendo a súa participación no orzamento total que paso do 15,7 % ao 15,6% (os acordos do Plan de Mellora cifrábano no 25%)

figura 9

figura10

Fonte: Consellería de Facenda, Xunta de Galicia

Este descenso é a consecuencia da Supresión das Xerencias de AP, absorbidas polas Xerencias Hospitalarias ao crearse as Xerencias de Xestion Integrada (a capacidade de presión dos xefes de servizos hospitalarios é moi superior á dos coordinadores de AP que carece de poder para xestionar os recursos e o persoal duns centros de saúde dispersos e sen posibilidades de coordinarse e menos de aliarse á hora de conseguir un reparto máis xusto. Neste retroceso do nivel primario tamén inflúe a paralización do Plan de Mellora de AP que pretendía acabar coa burocratización, a falta de capacidade resolutiva, o illamento e a ausencia de instrumentos para racionalizar a práctica clínica. O abandono deste Plan supuxo a paralización da construción de 66 novos Centros de Saúde e de 5 Centros de Alta Resolución, a perda de 193 prazas de persoal médico, 385 de enfermería e noutras categorías profesionais ata un total de 915 previstas polo Plan (o que mantén a masificación das cotas en máis do 50%). Tamén quedou sen executar o 60% do investimento para mellora do equipamento dos centros de saúde (pese a que moitos deles están moi deteriorados). Tamén manteñen as limitacións de acceso a probas diagnósticas (necesarias para pechar os procesos asistenciais sen necesidade de enviar os pacientes ás consultas hospitalarias), non adoptaron as medidas acordadas para reducir a carga de traballo burocrático (que ocupa o 30% do tempo de consulta) nin a descoordinación cos hospitais. A Consellería, como parte do programa de apoio á industria da electromedicina, pretende cambiar a Estratexia de Control de Enfermos Crónicos substituíndo aos profesionais de AP por aparellos electrónicos instalados nos fogares, o que ademais de custoso, incrementa a desigualdade por motivos educativos e culturais entre pacientes e familias. O abandono e deterioro da AP explica a saturación dos servizos de urxencias hospitalarios, o crecemento das listas de espera cirúrxica ou de primeiras consultas ou a aparición de listas de espera neste nivel, algo incompatible coa súa función de porta de entrada ao resto do sistema sanitario, polo que debe atender e clasificar rapidamente as demandas asistenciais.

4.- Desmantelamento das Áreas Sanitarias.

Este proceso está orientado a crear unha Área Única (como en Madrid) como un gran espazo físico e poboacional que abarque todo o territorio da CCAA coa finalidade de crear un mercado sanitario no que participará o sector privado (que vén desembarcando en Galicia desde fai algúns anos). As relacións de mercado baseadas na competencia son incompatibles coas áreas sanitarias, estruturas territoriais e poboacións orientadas a promover a coordinación dos recursos, planificar a ubicación e as súas actividades en función das características, problemas e necesidades específicas de cada zona. O desmantelamento das mesmas impedirá a asignación racional e equitativa dos recursos, a coordinación de niveis sanitarios, a continuidade asistencial e a participación social. Este proceso está sendo ademais aproveitado para suprimir persoal e servizos nos hospitais comarcais e para reestruturar o Mapa Sanitario que concentra os servizos de referencia especializada en dous grandes hospitais (Santiago e A Coruña, controlados por personaxes estreitamente vinculados ao núcleo de poder do PP), algúns dos cales están en risco de privatización como a Cardioloxía Intervencionista, por medio da creación de novas Unidades de Xestión Clínica.
O desmantelamento das Áreas están sendo utilizado, ademais, para recortar os Hospitais Comarcais de Barbanza, Monforte, Barco de Valdeorras, A Costa e Salnés.

• Hospital de Valdeorras: A precariedade das condicións laborais en servizos importantes como Cardioloxía, Endocrinoloxía ou Neuroloxía ademais de condicionar a calidade da atención fai que os especialistas busquen saída a outros centros con maior proxección persoal e profesional. Os recortes de persoal condicionan a actividade: Durante 21 días ao mes non hai hematólogo de garda e as urxencias deste servizo son trasladadas a outro hospital; en Uroloxía só queda un especialista compartido con Verín e Ourense e como non fai gardas o servizo está 20 días ao mes sen especialista; en Cardioloxía só hai consulta algúns días á semana; en Urxencias reduciron persoal facultativo na quenda de mañás cando maior é a demanda; suprimíron as axudantías cirúrxicas nas gardas de Cirurxía, Xinecoloxía e Traumatoloxía polo que non se poden operar as urxencias e os pacientes deben ser derivados a outros hospitais; pretenden que só haxa un/a radiólogo/a de garda compartido de xeito rotatoria polos hospitais de Verín, Monforte e O Barco o que obrigaría a remitir a Ourense, distante máis de 100 kilometros, os paciente de accidentes de tráfico e de traballo, ou con patoloxías agudas que precisen ecografías ou outras probas radiolóxicas que requiran a presenza do especialista. Tamén pecharon un dos tres quirófanos que funcionaban ata agora.

• Hospital do Barbanza: Non hai ambulancia medicalizada pese á gran distancia co hospital de referencia, paralizaron a Unidade de Saúde Mental e non hai Unidade de Coidados Paliativos nin Hospital de Día para atender aos pacientes oncolóxicos.

• Hospital da Costa: No ano 2009, logo de chegar á presidencia da Xunta, Núñez Feijóo anunciaba que ía ampliar o Hospital da Costa para mellorar a obsolescencia dalgúns servizos. No 2012 novamente anuncia a inmediata ampliación do Centro, e en abril de 2013, volven facer campaña publicitaria de ampliación do Hospital da Costa, coa publicación no DOG (19 de abril de 2013) da oferta da licitación do Plan Director que, ano e medio despois, aproban no Consello da Xunta do 11 de setembro de 2014 a redacción dun novo plan director por un importe de 112.530 euros”. O que licitou o PP foi a redacción dun novo plan director, non a ampliación do hospital da costa . Non hai garantías de que se vaia facer a ampliación, pois hai que estar a espera das conclusións do novo plan, e non podemos esquecer a intención da Consellaría de Sanidade de reducir a prestación sanitaria nos hospitais comarcais e trasladar a actividade a Lugo.

• Hospital de Monforte: Non instalaron os recursos prometidos polo Sergas para mellorar a capacidade resolutiva do centro como un mamógrafo dixital (aprobado en abril de 2011), ampliación das infraestruturas, incremento de especialistas, etc. .

• Hospital do Salnés: Existe un gran atraso na ampliación do centro como consecuencia da súa adxudicación á multinacional francesa Cofely-Suez (socia da Caixa/Adeslas). A falta de planificación, os conflitos de interese e a presión do sector privado obriga a que a poboación deste centros deba desprazarse a máis de seis hospitais de Pontevedra, Vigo, Coruña de titularidade pública e privada para recibir asistencia especializada

5.- Desmantelamento de recursos sanitarios dirixidos a problemas e colectivos específicos aos que se deixa sen cobertura:

– Saúde Mental: O actual Goberno da Xunta, nada máis chegar ao poder, paralizou o desenvolvemento do Plan Estratéxico de Saúde Mental Galicia 2006-2011, sen ofrecer ningunha alternativa, o que está deteriorando a asistencia tanto na súa calidade como na súa seguridade. Existen serias dificultades de acceso aos servizos por falta de recursos o que incrementa as listas de espera, recorta o número de revisións, reduce o tempo de consulta, limita o acceso á hospitalización e á rehabilitación. Non existe unha planificación dos recursos, ocultan a información de actividade e impiden a participación profesional e cidadá. O deterioro das condicións laborais, os recortes de persoal, a incerteza laboral e o incremento de carga asistencial está deteriorando o exercicio profesional e a calidade da atención

– Planificación familiar: Actualmente ningún dos 10 COF de Galicia pode manter unha atención integral e de calidade, debido aos recortes de persoal e á potenciación da atención privada. Na maioría dos COF non existe o equipo básico e comparten o persoal con outros dispositivos sanitarios ao non repoñerse as vacantes por xubilación, polo que a oferta de prestacións son diferentes e pouco equitativas. Co desmantelamento dos COF pretenden transformar a atención integral por outra exclusivamente asistencial, eliminar a anticoncepción da rede pública para convertela en consulta externas de Xinecoloxía susceptibles de privatización, suprimir por motivos ideolóxicos as consultas de saúde afectivo-sexual , dificultar o acceso á Interrupción Voluntaria do Embarazo e favorecer as consultas privadas.

– Prevención e atención á Drogodependencia: A Consellería de Sanidade plantexa reducir gastos e, para favorecer ao sector privado (próximo á Igrexa e ás súas formulacións ideolóxicas nesta materia), pretende desmantelar a rede socio-sanitaria, cun modelo integral de atención á drogodependencia que demostrou a súa eficacia e efectividade segundo numerosos informes da propia Consellería. A Rede de Atención ás Drogodependentes en Galicia esta composta por 17 centros asistenciais, 8 Unidades de día, 3 Comunidades terapéuticas e 6 Unidades específicas de tratamento de alcoholismo, con máis de 350 profesional que atenderon a máis de 12.000 drogodependentes. No ámbito da prevención e reinserción hai un total de 43 equipos que atenderon en 2011 máis de 323.259 persoas mediante diferentes accións preventivas, entre eles a 128.000 escolares.

Agora están recortando o financiamento dos programas de Inserción Social e de Garantía de Prestacións Básicas, dos Comités de Axuda aos Afectados, dos pisos de atención aos afectados polo VIH-SIDA, aos programas de reinserción laboral. Reduciron as axudas para atención xurídica e penal das persoas en risco de exclusión social; eliminan o financiamento dos Equipos de Prevención dás drogodependencias; atrasan e reducen os convenios con asociacións que manteñen Comunidades Terapéuticas e actividades asistenciais a drogodependentes; recortan tamén o financiamento dos centros de atención a drogodependentes e de alcoholismo xestionados por concellos, mancomunidades e asociacións. Non desenvolveron as ferramentas de coordinación previstas na o Plan Galego de Atención a Condutas Aditivas nin as previstas na Lei de Prevención do Consumo de Alcohol en Menores (Catalogo de Programas de Prevención, Programa de Incorporación Persoal, Guía de Procesos Asistenciais, XECEAS web). O Plan de Atención aos Afectados polo VIH-SIDA e de coordinación dos recursos de atención pasou ao esquecemento o mesmo que a confección a Guía de Recursos Socio-sanitarios de Galicia para atender a exclusión social.

– Ausencia de democratización e de transparencia na participación das asociacións de pacientes crónicos e ONGs (Medicos do Mundo, Foro da Emigración..) no proceso de funcionamento do SERGAS

6.- Lei de Racionalización do Sector Público:

Esta lei permitirá legalizar o patrocinio privado de todos os Servizos do Sergas. Coa creación de dous novos organismos estratéxicos como “A Axencia de Docencia, Formación, Investigación, Innovación e Avaliación de Tecnoloxías e Servizos Sanitarios” e da “Axencia Galega de Sangue e Tecidos” apartarase definitivamente aos profesionais do sistema público da docencia e da avaliación das tecnoloxías. Desta forma o sector privado influirá nas Guías de Práctica Clínica e a información sobre fármacos e tecnoloxías (a chamada “evidencia científica”) e tamén ceden ao sector privado a doazón de sangue, a coordinación de transplantes de órganos e o almacenamento de células, tecidos e mostras biolóxicas, de gran transcendencia para o sistema.

7.- Privatización da xestión das baixas laborais por enfermidade

A aplicación en Galicia do Anteproxecto da Lei de Mutuas modificará o réxime xurídico das mutuas de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais, coa finalidade de: a) Potenciar o negocio das mutuas (entidades a servizo da patronal) no control da xestión da incapacidade laboral por enfermidade que poderán realizar desde o primeiro día da baixa. b) Introducir novos recortes nos dereitos laborais dos traballadores. c) restrinxir as baixas por continxencias de enfermidade ou accidente; permitir que as mutuas poidan dar altas laborais por motivos burocráticos como o silencio administrativo por incomparecencia de catro días; suprimir o dereito dos traballadores á confidencialidade da súa historia clínica (garantido pola Constitución e as Leis Orgánicas 15/1999 e 41/20029) poñendo a disposición das Mutuas Patronais todos os datos sobre a súa saúde, estean ou non relacionados coa baixa laboral por enfermidade; d) Privatizar a xestión das prestacións por enfermidade.
Con este cambio o PP pretende: 1) Compensar ás mutuas das perdas económicas que sofren por culpa da crise pese a que non demostraron máis capacidade que os médicos do Sergas para mellorar a xestión das baixas (segundo denunciou o Tribunal de Contas non reduciron o número de baixas, nin a súa duración nin o gasto asociado). 2) Ampliar as súas competencias e oportunidades de negocio. 3) Privatizar a asistencia sanitaria dos traballadores, transformando as mutuas (asociacións empresariais) en Concesións Administrativas, que xestionarán a Incapacidade Transitoria por enfermidade dacordo ao modelo de Novas Formas de Xestión Privada (Lei 15/1997). 4) Apoiar o cambio do modelo sanitario (público, universal, accesible, equitativo e redistributivo) por outro baseado no aseguramento, financiado con cotizacións laborais e de provisión privada.
Os médicos de Atención Primaria verán reducidas as súas competencias na atención dos seus enfermos cando necesiten unha baixa; terán máis traballo burocrático ao ter que cumprimentar maior número de informes administrativos alleos á súa función sanitaria; e non poderán acceder ao historial clínico dos seus pacientes sobre accidentes ou enfermidades laborais malia que o 20% das causas de baixa laboral por continxencias comúns, son en realidade enfermidades laborais. Para rematar o goberno poñerá á venda as sociedades de prevención das mutuas o que supón a desaparición desta actividade.

8.- Privatización da Xestión dos Procesos Asistenciais:

Coa creación das Unidades de Xestión Clínica pretenden fraccionar o sistema sanitario transformando os Centros de Saúde e os servizos clínicos hospitalarios en empresas con personalidade xurídica propia e autonomía de xestión acolleitas á Lei 15/1997 de Novas Formas de Xestión. Estas empresas estarán xestionadas por directores nomeados a dedo polas xerencias e contarán con persoal laboralizado (para o que se modificou o Estatuto Marco), terán orzamento propio e capacidade para competir nas novas Área Únicas nas que tamén ofertarán os seus servizos as multinacionais sanitarias (que levan anos comprando hospitais privados en toda Galicia). Os profesionais terán incentivos que lles permitirán beneficiarse dos aforros en material ou actividade asistencial. Estas unidades permitirán aos inversores privados identificar as áreas de negocio e crear o ansiado mercado sanitario que tantos anos levan reivindicando os neoliberais. O control do desenvolvemento destas unidades e a formación do persoal na xestión sanitaria estará dirixido por grandes multinacionais como a empresa EFQM, vinculada á multinacional da informática IBM que está encargada de realizar esta función na Unidade de Xestión Clínica proxectada no Centro de Saúde da Estrada.

9.- A Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias:

Permitirá que os pacientes que superen os límites de tempo (de 60 días de espera para intervencións cirúrxicas e 45 para consultas e probas diagnósticas) poidan acudir a un centro privado sendo asumidos os custes con diñeiro público. A Xunta é consciente que os tempos fixados son imposibles de levar á práctica cos actuais recursos (as espera media é na actualidade de 83 días, e segue subindo) sobre todo tralos recortes de persoal e da actividade dos centros públicos pola tarde, que fixeron crecer de xeito importante os tempos de espera. A lei só beneficiará a determinados pacientes (que poderán permitirse o luxo de adiantar o pago das intervencións e esperar a que o sistema llelo devolva) e aos centros privados que recibisen diñeiro público para os seus negocios empresariais.

O número de pacientes en espera cirúrxica experimentou un incremento substancial desde o ano 2009, pasando de 34.403 a 38.106 pacientes (contabilizada na mesma data de 31 de marzo), o que representa 3.703 pacientes máis en espera de operación. No caso dos pacientes en espera cirúrxica de máis de 12 meses o incremento foi moito máis importante, pasando de 148 pacientes en 2009 a 833 en 2014 (un pouco maior na mesma data do pasado ano). En canto ao tempo medio de espera cirúrxica o empeoramento tamén foi moi importante este ano pasando de 71 a 83 días (12 días máis de espera media). Os tempos para realizar probas diagnósticas en Resonancia Magnética, intervencionismo vascular ou endoscopia dixestiva (por escoller algunhas das máis representativas) tamén experimentaron un importante empeoramento. A espera para realizar unha RNM pasou de 62,4 días a 68,2 (8% de aumento); en Intervencionismo Vascular de 62,4 días a 154,9 (60% de aumento) e de endoscopia dixestiva de 74,3 días a 96 (23% de aumento). O escurantismo e maquillaxe das listas, dado que os buzóns almacenan numerosos pacientes que non conta en situación de espera e seguen sen publicarse os datos das listas non estructurais, que segundo estudos da nosa asociacion, realizados nalgunhas localidades, poden supoñer tantos pacientes como os publicados.
figura 11

figura12

figura13

RESUMO

1.- Asfíxian económicamente ao sistema sanitario público (poñendo en risco a sustentabilidade económica) recortando o orzamento sanitario público e os dereitos á atención sanitaria, coa finalidade de reducir o déficit público e poder pagar a débeda contraída polo Estado e a Consellería de Sanidade para o rescate das caixas de aforro e os bancos privados en creba pola burbulla inmobiliaria e a súa mala xestión.

2.- Externalizan (privatizan) o sistema: Financian cos fondos sanitarios recortados ao sector privado (multinacionais, fondos de investimento, bancos e construtoras) ao que lle ceden os servizos de planificación, xestión estratéxica e información (o corazón do sistema), a investigación e o desenvolvemento (I+D+I), o control e adquisición de novas tecnoloxías, a formación do persoal, a construción e xestión dos novos hospitais e centros de saúde. Esta estratexia supón incrementar os custes (páganse entre sete e dez veces máis polos mesmos recursos) e, o que é máis grave, trasladan o poder de decisión do sistema sanitario a empresas multinacionais, fondos de investimento, consultoras e bancos.

3.- Incrementan os concertos co sector privado mentres paralizan a actividade dos hospitais (laboratorios, radioloxía, quirófanos) pola tarde.

4.- Cambian o modelo sanitario vinculando o dereito á atención á cotización non á residencia (para poñer fin á Universalidade do sistema), impoñen copagos que limitan o acceso á asistencia aos máis necesitados de atención, desmantelan a Áreas Sanitarias e os hospitais comarcais, marxinan á Atención Primaria, e fragmentan os hospitais en múltiples empresas de xestión privada que buscan beneficios a costa de recortar asistencia. Este cambio supón a volta á medicalización e ao uso intensivo dos recursos tecnolóxicos (costosos e perigosos para a saúde pero moi rendibles para empresas, laboratorios e caciques sanitarios próximos ao poder) en detrimento da promoción e prevención da saúde moito máis eficaz e eficiente.

5.- Suprimen recursos asistenciais que atenden ás mulleres e a colectivos sociais en situación de risco e marxinación.

6.- Introducen novas leis destinadas a favorecer ao sector privado ao que se lle cede a investigación e a formación do persoal, ou o tratamento dos pacientes en listas de espera xeradas polos recortes

O desmantelamento do Sistema Sanitario Público no Estado e en Galicia está promovido, dirixido e alentado por unha gran alianza de (Club Gerthecht ) integrada por directivos das administracións sanitarias que entran e saen da administración e das empresas (porta xiratoria), organizacións profesionais como a Organización Medica Colexial, Sociedades Científicas (FACME) controladas pola casta profesional, a cúpulas dalgúns sindicatos corporativos, que obteñen importantes beneficios persoais e profesionais e o seu apoio; apoian esta estratexia os laboratorios farmacéuticos, a industria da tecnoloxía sanitaria (interesados en vender os seus produtos cada vez máis custosos, ineficaces e perigosos para a saúde), construtoras, bancos e fondos de investimento que ven na sanidade unha gran oportunidade de negocio, agora que a rachou burbulla inmobiliaria (o gasto sanitario supón máis do 30% do orzamento publico de Galicia); tamén están impulsando esta estratexia as aseguradoras, mutuas, auditoras, empresas de informática, grupos de comunicación, etc. que ven a posibilidade de apoderarse de toda a información de saúde dos galegos, das áreas máis rendibles e dos puntos débiles do sistema sanitario público, para planificar as súas estratexias empresariais. As grandes consultoras, especialmente PWC e Deloitte, que durante anos emitiron informes positivos sobre a solvencia de bancos e empresas, que se esborrallaron pouco tempo despois, foron seleccionadas pola Xunta e a Consellería como asesoras e, malia que poucos as coñecen e ninguén as votou, son as promotoras ideolóxicas e o brazo executor da privatización da sanidade e doutros servizos públicos.

Aínda que esta plataforma privatizadora conta cunha gran poder económico e institucional, a súa falta de respaldo social e profesional, faina vulnerable. É necesario reforzar a Alianza Social e Profesional que representa SOS Sanidade Pública e desenvolver mobilizacións a nivel local e galego para facela fronte:

1.- Reforzar, ampliar coa incorporación de novas organizacións sociais e profesionais, e estender a novas áreas e localidades as Plataformas para a Defensa da Sanidade Pública que integran SOS Sanidade Pública.
2.- Elaborar un plan de traballo de SOS Sanidade que identifique os problemas e necesidades máis importantes que afectan á Sanidade Pública galega, estableza prioridades e propoña un calendario de mobilizacións e outras actuacións (na rúa, os centros sanitarios e as institucións representativas) para a defensa e mellora do sistema.
3.- Comezar a preparación dunha gran mobilización para poñer freo á privatización e recuperar os servizos sanitarios desmantelados e privatizados.

Galicia Setembro 2014.-

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Uncategorized. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s