ULTIMO ESCRITO REMITIDO POLA OFICIÑA DO VALEDOR DO POBO SOBRE A SUPRESIÓN DO SERVIZO DE URXENCIAS DE CIRURXÍA PEDIATRICA EN OURENSE

(SOS Sanidade Pública Ourense)
plataformasanidadeourense@gmail.com

Expedientes: I.4.Q/941/14 ao I.4.Q/5607/14

ULTIMO ESCRITO REMITIDO POLA OFICIÑA DO VALEDOR DO POBO SOBRE A SUPRESIÓN DO SERVIZO DE URXENCIAS DE CIRURXÍA PEDIATRICA EN OURENSE

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2014

Estimados Sres.:

Como vostede sabe, no seu día foi recibido o seu escrito de queixa, que quedou rexistrado nesta institución co número arriba indicado. Foi admitida ao entender que reunía os requisitos establecidos no artigo 18 da Lei 6/1984, do 5 de xuño, do Valedor do Pobo, e iniciamos as actuacións oportunas ante a Consellería de Sanidade, contra o que se dirixía a queixa, referente á reestruturación levada a cabo no Servizo de Cirurxía Pediátrica do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

Recentemente foi recibido o informe da consellería que, segundo establece o artigo 22 da dita lei, tiñan que remitirnos, e do que lle dimos traslado no seu día. Á vista do contido do informe, con data do 27 de decembro, considerouse necesario, en aplicación do disposto no artigo 32.1 da Lei 6/1984, de 5 de xuño, do Valedor do Pobo, facerlle chegar á Consellería de Sanidade a seguinte Recomendación:

“Que se adopten as medidas necesarias para dar a maior continuidade asistencial posible ao Servizo de Cirurxía Pediátrica do CHOU, salvo nos casos que imponderablemente se teña que dar traslado a outro centro da área compartida.”

Dando cumprimento á obriga establecida no artigo 32.2 da Lei do Valedor do Pobo, a Consellería de Sanidade remitiu un oficio a esta institución no que manifesta que o modelo sanitario galego, expresado na Estratexia Sergas 2014, está centrado nos pacientes, caracterizándose en todo momento pola xestión eficiente e integrada, que garante os dereitos dos pacientes, prestando unha asistencia sanitaria segura e de calidade, e mantendo o compromiso co servizo público. Por tales razóns, a Xerencia do Sergas co obxecto de proporcionar á maior continuidade asistencial aos menores de idade na estrutura de xestión integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, ditou a Resolución do 12 de novembro de 2013, pola que se creou o Área de Servizo Compartido de Cirurxía Pediátrica para o sur de Galicia como solución para garantir o mantemento da actividade asistencial coa obriga da calidade debida dos procedementos e da seguridade dos pacientes.

A consellería continúa o seu escrito sinalando que o Servizo Galego de Saúde debe velar porque a actividade que se realiza nos centros sanitarios teña as mellores garantías de cara aos menores. Para que iso suceda, a administración considera que deben adoptarse as medidas de eficacia necesarias para que os respectivos equipos dispoñan das destrezas óptimas recomendadas polas organizacións internacionais.

Por último, a consellería afirma que se están a levar a cabo actuacións de control que permitan comprobar o manifestado nas liñas anteriores.

Unha vez examinada a anterior resposta dedúcese que a consellería non subscribe na súa totalidade a Recomendación formulada pois, aínda que se compromete a garantir o mantemento da actividade asistencial, queda condicionada aos parámetros de calidade que determinaron a publicación da Resolución de decembro de 2013, manténdose a estrutura de xestión integrada ditaminada na resolución mencionada.

Polo exposto faise preciso proceder de acordo co disposto no art. 33.2 da Lei do Valedor do Pobo, debendo mencionar expresamente no informe anual ao Parlamento a falta de acordo nesta materia.

Así pois, ao terse esgotadas as posibles actuacións que lle caben a esta Institución de acordo coa Lei pola que se rexe, faise obrigado proceder á conclusión do expediente aberto como consecuencia do seu escrito de queixa. No entanto, no suposto de que a Consellería modifique a súa posición actual, pola nosa banda poñeríamonos de novo en comunicación con vostede, trasladándolle as novas que se produzan.
Non obstante, e dada a preocupación sanitaria e social que xera a problemática tratada nesta queixa, o Valedor do Pobo realizará un seguimento do asunto, supervisando que se produce un efectivo control sobre o mantemento das garantías de atención asistencial da poboación afectada. Con este obxectivo, agradeceriámoslle que nos trasladaran calquera incidencia da que tiveran coñecemento neste senso co fin de corroborar a existencia dunha prestación axeitada dos servizos de cirurxía pediátrica á poboación pediátrica ourensá.
Un atento saúdo.

José Julio Fernández Rodríguez
Valedor do Pobo (en funcións)

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Uncategorized. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s